31 jul 2011

30 DE XULLO

A viaxe chegou, agora si, á súa fin.

Esta mañá preparámonos para o regreso. Ás 9 as familias foron chegando cos rapaces á escola.
A familia de Iria ao completo acudiu a despedila.


Subimos ao autobús, marchamos para o aeroporto


e agardamos pacientemente o momento de embarcar.


A espera deu tempo para continuar asinando e deixando mensaxes e dedicatorias nas bandeiras.


No autobús, xa chegando a Ourense, un momento de morriña fíxonos cantar a canción de "Molly Malone".




As profesoras que organizamos e acompañamos este curso de inglés agradecemos aos rapaces e rapazas o seu comportamento durante estas tres semanas. Somos conscientes das dificultades de integrarse nun grupo tan numeroso, con gustos e intereses diferentes, e valoramos o seu esforzo de adaptación, a participación e interese nas actividades programadas e a cordialidade amosadas.

Cremos que o obxectivo de perfeccionamento lingüístico cumpriuse adecuadamente posto que todos puideron practicar para mellorar o seu inglés, tanto nas clases e nas actividades, como coas familias, e consideramos que foi unha experiencia positiva para todos.

Estamos contentas do trato dispensado polas responsables da escola de Malahide (Irish College of English), sempre atentas e receptivas aos nosos requerimentos para mellorar a atención ao noso alumnado.

Tamén estamos contentas coa actitude das familias irlandesas que acolleron os rapaces nestas semanas nas que os trataron con gran amabilidade e cordialidade, facéndoos sentir como na súa propia casa.

O que agora todos e todas necesitamos é:

          durmir e durmir ata fartarnos e por fin coas persianas baixadas,

                   descansar para repoñerños de tanto cansanzo acumulado,

                         comer os nosos pratos favoritos (sen manteiga, por favor)

                                          e, sobre todo, comezar por fin as vacacións!


Bicos para todos e todas. E FELIZ VERÁN!

29 jul 2011

29 DE XULLO

Isto acabouse!
As tres semanas chegaron ao seu fin e, con certa pena e certo alivio, fifty-fifty, é a hora de regresar á casa.

Os estudantes despedíronse dos seus compañeiros de clase e fixeron algunhas fotos de grupo.
Nesta, os alumnos da aula 9.



E os da 7 fotografáronse con Karen, a profesora.


Todos recibiron os seus diplomas como premio ao esforzo destas tres semanas, e tamén o informe persoal de cada un coas notas e a valoración  e as suxestións de cada profesor.



Despois fomos un día máis á estación para facer a última viaxe no noso amado DART. Mentres agardabamos polo tren houbo tempo para que Jaime, Marco e Alejandro formaran un trío de encapuchados


e tamén para algúns abrazos colectivos.




Xa en Dublín, visitamos o estadio de Croke Park, a catedral dos deportes típicos irlandeses: hurling e fútbol gaélico e visitamos o GAA Museum.







O guía explicounos que para os irlandeses este estadio representa a súa historia, a súa cultura... é un auténtico santuario. 


Asistimos á proxección dunha película sobre as características e as regras destes deportes,


vimos a vitrina cos trofeos

e sentamos nas gradas deste inmenso estadio, o máis grande de Irlanda e o terceiro do mundo. Coñecemos as súas medidas, o aforo, as distintas áreas...




 Despois baixamos ao céspede, tendo moito coidado de non pisalo para non estragalo.



Contemplamos os escudos dos distintos equipos


e localizamos o de Malahide.

E asistimos a unha explicación do manexo dos elementos para a práctica do hurling: o pau -o hurley- e a bola -sliotar-,


despois da cal foron moitos os que se atreveron a poñer a proba as súas habilidades. Entre eles, Jaime,


 
 Lucía,
 Andrea,
 Jorge,
 Carlos,
 Alba...
Tamén practicaron lanzamento de balón, salto, equilibrio, reflexos... e outros moitos xogos interactivos que resultaron moi divertidos.

Sen dúbida esta foi unha das actividades máis interesantes de todas as destas tres semanas, tanto polo tema como pola extraordinaria lección de inglés que nos deu o guía que se expresaba con gran claridade e expresividade. Unha amena clase de inglés.

Rematada a visita, houbo tempo libre para que cadaquén o destinase ao que quixese. Despois reunímonos para regresar á estación e foi entón cando agasallamos a Karen, a nosa guía, cun ramo de flores como agradecemento pola súa atención, amabilidade e paciencia durante estes días.




 
Despois da habitual carreira para pillar o tren -que sempre acabamos pillando- regresamos a Malahide para cear ás 6.

Agora toca pelexar coas maletas, que sempre son máis pequenas do que parecía, e despois unha despedida final no parque, coas fotos, apertas e lamentos consabidos.

Mañá  as familias levarannos ás 9 ata a escola para collermos un autobús ata o aeroporto de Dublín e, se nada o impide, chegaremos a Ourense en torno ás 5 da tarde.

E pola noite en Ourense seguramente todas as familias terán un mesmo ou moi parecido menú para a cea: tortilla de patacas e xamón, tal e como veñen solicitando reiteradamente os seus fillos e fillas que están xa cansos de packed lunch e suspiran por un bo prato de comida caseira.

Deica mañá, pois!

28 jul 2011

28 DE XULLO

Penúltimo día (xa ou aínda, it depends!)

Esta mañá comentabamos as impresións acerca do aprendido nestes días: uns comentan que aprenderon moito vocabulario, outros din que teñen moita máis fluidez falando da que tiñan cando chegaron,  e parece que en xeral están bastante satisfeitos, especialmente aqueles que aproveitan a cea e a sobremesa para falar coas familias. Como comentaban, hai tempo para todo: para estar charlando coas familias e para saír despois un rato cos amigos.

Pero o tema principal das conversas de hoxe foi a equipaxe: maletas, peso admitido, espazo dispoñible... pois hai que ir pensando onde colocar todo o que trouxemos máis o que imos levar de aquí...

Pola tarde volvemos un día máis Dublín para visitar a Guiness e puidemos coñecer a historia desta famosa cervexa negra, de tipo stout, elaborada por Arthur Guinnes desde 1759.

Fixemos unha primeira foto de grupo na entrada.



outra baixo o logotipo da marca,


e percorremos os 5 pisos do edificio nos que se vai detallando o proceso de fabricación e os ingredientes: auga procedente das Wicklow Mountains,


cebada,


lúpulo e malta.

Desde o Gravity Bar situado na última planta contemplamos unha fermosa panorámica da cidade e acabamos na tenda da planta baixa onde compramos algúns recordos e agasallos.

Rematada a visita, tivemos o habitual tempo libre na cidade para facer algunhas compras ou para tomar uns deliciosos batidos que venden nun bar que localizaron xa na primeira semana e no que lles fan ademais desconto se levan a tarxeta ISIC (e algunhas aproveitamos para tomar unha glass de cervexa en Temple Bar, unha Smithwick's concretamente.)

E, como todos os días, collemos o tren para estar de regreso en Malahide ás 6 para a cea coas familias.

Como hoxe é xoves hai outra vez actividades despois da cea: a habitual discoteca no local da parroquia de St. Andrews, onde o pasan xenial bailando "A Macarena", entre outros "hit parade" de actualidade (!)

27 jul 2011

27 DE XULLO

Malia as previsións meteorolóxicas que anunciaban choiva para esta tarde, hoxe luciu un sol espléndido e tivemos unha temperatura ideal que nos permitiu pasar unha tarde moi agradable no campo, primeiro,e na praia, despois.
Despois de comer dirixímonos a Newbrige Farm na veciña vila de Donabate. Trátase dun inmenso terreo dunhas 150 hectáreas no que, xunto cunha impresionante mansión xeorxiana, hai unha granxa na que puidemos observar unha gran variedade de animais, comezando por un inmenso exemplar de cervo vermello irlandés




e despois unha tenra escena  de ranchiños


e unha ampla variedade de galos e galiñas de diferentes procedencias, algunhas realmente moi curiosas. Había tamén vacas, cabalos, ponys, touros, ovellas, faisáns, cisnes, pavos, pavóns... e tamén cabras e cabritos que se deixaron acariñar encantados por Iria,



 por Alba,

por Rubén,
 pot María,


e por Lucía.
 



Tamén fixemos unha foto de grupo diante da mansión.



De regreso en Malahide, como aínda había tempo ata as 6 (a hora da cea) trasladámonos no bus ata a praia veciña de Pormarnock, un inmenso areal de 5 millas de lonxitude (uns 8 kms) moi apreciado polos dublineses e popular entre os surfistas e no que tamén se realizan carreiras de cabalos. Conta ademais cunha Martello Tower napoleónica como a de Sandycove que xa coñecemos. 


Diante da praia sitúanse dúas pequenas illas: por unha parte a coñecida como o Ollo de Irlanda (Ireland's Eye) -á dereita da foto- na que hai unha reserva de aves, e outra chamada Lambay Island.


e Lúa puido cumprir por fin o seu soño de bañarse en Irlanda!


Sara, Carola, Iria e Rubén posan neste "marco incomparable", que se di.


E foron varios os valentes -Lúa, Carola, María e Jaime- que se deron un baño no mar. Ao saír, con cara de felicidade, comentáronnos que a auga estaba máis quente que nas praias de Galicia. Sería verdade?