29 jul 2011

29 DE XULLO

Isto acabouse!
As tres semanas chegaron ao seu fin e, con certa pena e certo alivio, fifty-fifty, é a hora de regresar á casa.

Os estudantes despedíronse dos seus compañeiros de clase e fixeron algunhas fotos de grupo.
Nesta, os alumnos da aula 9.



E os da 7 fotografáronse con Karen, a profesora.


Todos recibiron os seus diplomas como premio ao esforzo destas tres semanas, e tamén o informe persoal de cada un coas notas e a valoración  e as suxestións de cada profesor.



Despois fomos un día máis á estación para facer a última viaxe no noso amado DART. Mentres agardabamos polo tren houbo tempo para que Jaime, Marco e Alejandro formaran un trío de encapuchados


e tamén para algúns abrazos colectivos.




Xa en Dublín, visitamos o estadio de Croke Park, a catedral dos deportes típicos irlandeses: hurling e fútbol gaélico e visitamos o GAA Museum.







O guía explicounos que para os irlandeses este estadio representa a súa historia, a súa cultura... é un auténtico santuario. 


Asistimos á proxección dunha película sobre as características e as regras destes deportes,


vimos a vitrina cos trofeos

e sentamos nas gradas deste inmenso estadio, o máis grande de Irlanda e o terceiro do mundo. Coñecemos as súas medidas, o aforo, as distintas áreas...




 Despois baixamos ao céspede, tendo moito coidado de non pisalo para non estragalo.



Contemplamos os escudos dos distintos equipos


e localizamos o de Malahide.

E asistimos a unha explicación do manexo dos elementos para a práctica do hurling: o pau -o hurley- e a bola -sliotar-,


despois da cal foron moitos os que se atreveron a poñer a proba as súas habilidades. Entre eles, Jaime,


 
 Lucía,
 Andrea,
 Jorge,
 Carlos,
 Alba...
Tamén practicaron lanzamento de balón, salto, equilibrio, reflexos... e outros moitos xogos interactivos que resultaron moi divertidos.

Sen dúbida esta foi unha das actividades máis interesantes de todas as destas tres semanas, tanto polo tema como pola extraordinaria lección de inglés que nos deu o guía que se expresaba con gran claridade e expresividade. Unha amena clase de inglés.

Rematada a visita, houbo tempo libre para que cadaquén o destinase ao que quixese. Despois reunímonos para regresar á estación e foi entón cando agasallamos a Karen, a nosa guía, cun ramo de flores como agradecemento pola súa atención, amabilidade e paciencia durante estes días.




 
Despois da habitual carreira para pillar o tren -que sempre acabamos pillando- regresamos a Malahide para cear ás 6.

Agora toca pelexar coas maletas, que sempre son máis pequenas do que parecía, e despois unha despedida final no parque, coas fotos, apertas e lamentos consabidos.

Mañá  as familias levarannos ás 9 ata a escola para collermos un autobús ata o aeroporto de Dublín e, se nada o impide, chegaremos a Ourense en torno ás 5 da tarde.

E pola noite en Ourense seguramente todas as familias terán un mesmo ou moi parecido menú para a cea: tortilla de patacas e xamón, tal e como veñen solicitando reiteradamente os seus fillos e fillas que están xa cansos de packed lunch e suspiran por un bo prato de comida caseira.

Deica mañá, pois!

No hay comentarios:

Publicar un comentario