31 jul 2011

30 DE XULLO

A viaxe chegou, agora si, á súa fin.

Esta mañá preparámonos para o regreso. Ás 9 as familias foron chegando cos rapaces á escola.
A familia de Iria ao completo acudiu a despedila.


Subimos ao autobús, marchamos para o aeroporto


e agardamos pacientemente o momento de embarcar.


A espera deu tempo para continuar asinando e deixando mensaxes e dedicatorias nas bandeiras.


No autobús, xa chegando a Ourense, un momento de morriña fíxonos cantar a canción de "Molly Malone".




As profesoras que organizamos e acompañamos este curso de inglés agradecemos aos rapaces e rapazas o seu comportamento durante estas tres semanas. Somos conscientes das dificultades de integrarse nun grupo tan numeroso, con gustos e intereses diferentes, e valoramos o seu esforzo de adaptación, a participación e interese nas actividades programadas e a cordialidade amosadas.

Cremos que o obxectivo de perfeccionamento lingüístico cumpriuse adecuadamente posto que todos puideron practicar para mellorar o seu inglés, tanto nas clases e nas actividades, como coas familias, e consideramos que foi unha experiencia positiva para todos.

Estamos contentas do trato dispensado polas responsables da escola de Malahide (Irish College of English), sempre atentas e receptivas aos nosos requerimentos para mellorar a atención ao noso alumnado.

Tamén estamos contentas coa actitude das familias irlandesas que acolleron os rapaces nestas semanas nas que os trataron con gran amabilidade e cordialidade, facéndoos sentir como na súa propia casa.

O que agora todos e todas necesitamos é:

          durmir e durmir ata fartarnos e por fin coas persianas baixadas,

                   descansar para repoñerños de tanto cansanzo acumulado,

                         comer os nosos pratos favoritos (sen manteiga, por favor)

                                          e, sobre todo, comezar por fin as vacacións!


Bicos para todos e todas. E FELIZ VERÁN!

1 comentario:

  1. Quero agradecer ás profesoras Carme e Celia pola súa dedicación, a súa atención e o seu traballo para cos nosos fillos nesta maravillosa viaxe de perfeccionamento do inglés.
    O traballo desenvolvido na confección deste blog facía que nos sentíramos máis perto dos nosos fillos e por elo tamén máis tranquilos.
    Novamente, moitísimas grazas e espero que pasen tamén un bo verán (por fin!)

    ResponderEliminar