15 jul 2011

15 DE XULLO

Hoxe o tempo cambiou e atopámonos cun típico día de verán irlandés: nubes, de cando en vez un raíño de sol e sobre todo vento e choiva fina, pero a temperatura segue sendo boa. Isto é o habitual nestas datas, o excepcional foi o tempo destes días pasados, seica o mes de xullo máis caloroso que moitos recordan.



Por algo este país é tan verde!

Pois hoxe hoxe na escola foi para moitos día de exame, para revisar o visto durante a semana. Xa veremos cales foron os resultados!

Pola tarde, visitamos a exposición Dublinia, Viking & Medieval Dublin, unha exhibición sobre o Dublín medieval e a época viquinga. Unha exposición interactiva sobre a historia da cidade a través de reconstrucións a tamaño real na que podemos ver os alimentos, a casa dun rico comerciante, o mercado, as rúas, os castigos ós criminais, ou probar unha armadura ou escoitar os sons da cidade naquel tempo.  A exposición The Viking World achéganos como era a vida deste pobo, os seus barcos, os seus costumes, etc.


Despois fomos á  Christ Church Cathedral, a máis antiga das dúas catedrais con que conta a cidade. A outra é a de Saint Patricks.
Coma sempre, a atracción principal foron o gato e a rata momificados que quedaron atrapados no tubo do órganon, e que, por certo, dá nome á asociación cultural de amigos do órgano creada hai uns meses en ourense: Un rato no tubo.

Mañá  é día de excursión coa escola. En lugar da viaxe a Belfast que estaba prevista, a escola acordou cambiala por Kilkenny, no sur, como medida de precaución ante os acontecementos desta semana en Belfast. Así que, ás 9 colleremos un bus e iremos ata esta pequena cidade do sur, famosa polos seus edificios medievais e pola animada vida nocturna (que nós non veremos)

No hay comentarios:

Publicar un comentario